lunes, 14 de mayo de 2012

PRESENTACIÓN DE LA PELÍCULA VILAMOR

O próximo martes, 15 de Maio ás 20h. haberá no Auditorio da Casa da Cultura de Barbadás (A Valenzá), un encontro co equipo Artístico e co Director da Película VILAMOR.
Estarán os actores Rubén Riós, Sabela Arán, Xoel Yáñez, e o director Ignacio Vilar.
Falarán da nova película VILAMOR, que se estreará en Ourense, o xoves 17 de Maio no Auditorio de Ourense.
Esta presentación é unha iniciativa novidosa, xa que acerca o elenco artístico ó público directamente.
Baseada nunha historia real A historia de Vilamor está inspirada na comuna real que se instalou nos anos 70 nas montañas de Lugo, e que aínda continúa activa. A rodaxe realizouse en febreiro e no verán de 2011 nos mesmos lugares onde se instalou a comuna orixinal (Negueira de Muñiz) e noutros concellos da zona como A Fonsagrada e Cervantes (Lugo), Grandas de Salime e Santa Eulalia de Oscos (Asturias). A versión orixinal está en galego, usando a maioría dos personaxes unha variante dialectal da nosa lingua pouco coñecida e propia desta zona.
Trátase dunha historia local pero tamén global e presente: as comunas instaláronse nos anos 60 e 70 en zonas rurais de todo o mundo e moitas aínda se manteñen a día de hoxe. Herdeiros de aquelas comunas son movementos sociais urbanos máis recentes, mesmo actuais, como a okupación ou as acampadas do 15-M, organizadas con sistemas asemblearistas, como a nosa Vilamor.
Vilamor, a película, conta unha historia de valores, de como os principios libertarios da comuna poden chocar coa moral máis tradicional dos veciños, cos que no fondo pode chegar a ter máis en común do que se pensa. Pero tampouco oculta as dificultades e conflitos internos que calquera comunidade pode ter, sobre todo cando se trata de empezar a construír un mundo propio dende cero. É a historia tamén do abandono do rural, en contraste cunha atracción que cada vez máis xente sente por volver á aldea de maneira sustentable. É un canto ao paisaxe e á natureza salvaxe. Pero ante todo é unha historia de amor entre mozos que buscan un futuro mellor.

Un novo concepto de distribución e promoción Trátase da cuarta longametraxe de Ignacio Vilar, director e produtor que obtivo un éxito de taquilla sen precedentes en Galicia en 2008 con Pradolongo. Esta era unha historia tamén protagonizada por mozos e cunha historia cercana que enganchou a máis de 60.000 espectadores de todas as idades, grazas a unha particular estratexia de distribución e de promoción vila a vila, cidade a cidade, que tivo estupendos resultados. Nesta ocasión a estratexia será de novo ir buscar o público e metelo nos cines, pero moito máis reforzada e aumentada: o director e os tres actores protagonistas percorrerán Galicia durante dous meses visitando máis de 250 centros de ensino e outras tantas asociacións e colectivos, a bordo da Caravana Vilamor.
Tamén organizarán festas en cada unha das sete cidades, para as que se venderán entradas que incluirán invitacións para ir ao cine. E por suposto tamén se irá buscar o público máis novo a través de internet, cunha importante campaña na web e nas redes sociais.
Desexamos que esta iniciativa conte ca maior difusión e aproveitar e disfrutar do cine galego.
Nieves Carríl Gómez-Concelleira de Cultura de Barbadás

No hay comentarios:

Publicar un comentario